Lise Meitner

Meitner

 

Viena, 1878-Cambridge, 1968

Lise Meitner naceu en Viena o 7 de novembro de 1878 no seo dunha familia xudía que posteriormente se converteu ao cristianismo. Foi a terceira filla de Philipp e Hedwig Meitner.

Aos vinte e tres anos (1901) ingresou na Universidade de Viena, que tiña un alto nivel académico e contaba con excelentes profesores que marcaron a súa traxectoria: Exner, Röntgen e, sobre todo, Boltzmann, un excepcional profesor de Física. Foi a primeira muller admitida nos estudos de Física e a segunda en doutorarse na Universidade de Federico Guillerme de Berlín, en 1907. Mesmo Max Planck, unha das máximas autoridades mundiais no campo da física, había convidala a realizar estudos de posdoutoramento nos laboratorios do Instituto de Química de Berlín.

Nesta mesma cidade comeza a súa colaboración co químico Otto Hahn, que se estendería ao longo de 30 anos e que os levaría a descubrir diversos elementos radioactivos. Cando en 1912 se crea o Kaiser Wilhelm Institut, centro pioneiro na investigación química, pasan a depender del. 

En 1918 publican na revista Physikalische Zeitschrift o descubrimento do protoactinio. Malia que ela fixera practicamente todo o traballo, xa que Otto se atopaba na fronte, o recoñecemento recaeu sobre el, que asinara como primeiro autor e recibiu por isto a medalla Emil Fisher, mentres que a Lise só lle ofreceron unha copia.

Ao rematar a primeira guerra mundial Otto Hahn é nomeado director do Kaiser Wilhelm Institut, e Lise Meitner supervisora da sección de Física. Daquela céntrase na investigación sobre a emisión beta radioactiva, en que resulta moi importante a colaboración do seu sobriño Otto Frisch. Este chega a Berlín en 1927, como axudante do Departamento de Física, e Lise introdúceo no ambiente científico da cidade e os faladoiros con Einstein, Heisenberg e Franck. 

En abril de 1933 Hitler decreta que os académicos e profesores xudeus deben ser apartados dos seus cargos. Lise estaba en perigo, mais continuou traballando até 1938. Máis tarde ingresaría no Instituto de Investigación Nobel de Física en Estocolmo como axudante de investigación. 

En 1938, Lise e o seu sobriño descobren a fisión nuclear. Bohr coñece este descubrimento polo seu fillo Hans e dáo a coñecer ao mundo, ao tempo que o artigo de Hahn e Strassmann.

Nos seus últimos anos Lise Meitner viviu co seu sobriño Otto Frisch en Cambridge, onde morreu o 27 de outubro de 1968.

A Otto Hahn concedéronlle o Premio Nobel de Química en 1945 sen ter en conta o traballo de Lise Meitner.

En 1997 déuselle o nome de meitnerio ao elemento n.º 109 da táboa periódica.

 

 

Honores

Entre 1924-34, nominada 5 veces o premio Nobel de Química. 

Premio Lieben da (Academia de Ciencias de Viena) en 1925

Medalla Max Planck (Deutsche Physikalische Gesellschaft) en 1949

Enrico Fermi Award (Departamento de Enexgía dos Estados Unidos.) en 1966

book open Referencias bibliográficas                                                                                                       flechaizquierda Atrás